venres, 16 de xuño de 2023

LEMBRADE QUE O LUNS 19 TEMOS XUNTANZA E VISITA

Non esquezades que o próximo luns temos a nosa última xuntanza deste curso, para comentar a novela Non temerás os coches amarelos, de Marta Villar, e tamén que ese día recibiremos a visita da autora.



Estades tod@s convidad@s!

xoves, 25 de maio de 2023

SICA




 O próximo martes, día 6 de xuño, os membros do Club de Lectura e do Equipo de colaboradores da Biblioteca desprazarémonos á vila de Cee para asistir á proxección da película Sica, que foi rodada en diversos escenarios da nosa costa, e na que participaron como actrices e figurantes varias ex-alumnas e tamén moita rapazada do noso centro.


luns, 17 de abril de 2023

SEXTA XUNTANZA

 

Hoxe reunímonos para comentar a novela Las gratitudes. É desas pequenas xoias que calan e quedan nalgún lugar da memoria.

En moi poucas páxinas, a autora é quen de mostranos o corazón das personaxes: Michka, unha anciá que se aproxima ao final da súa vida á vez que se lle escapan as palabras por unha afasia senil; Marie, a única persoa no seu mundo, unha veciña á que a anciá coidaba de pequeña; e Jérôme, o logopeda que asiste a Minchka cunha tenrura que se palpa en cada diálogo.

Escrita a dúas voces, esta novela convértese nun canto á vellez, unha reflexión amarga sobre o final da vida e un toquiño ás gratitudes pendentes que todos temos. Ademais de un eloxio á palabra.

Non podemos máis que aplaudir esta obra, por decir tanto con tan pouco.

Aproveitamos tamén para falar e recomendar outros libros da autora que algún membros do club leron: Las lealtades, Nada se opone a la noche ou No y yo (baseada neste último título, a responsable da biblioteca e a profesora de francés lémbrannos que tamén temos á nosa disposición a película de 2010, así como a novela na súa versión orixinal en francés)



Así mesmo, falamos doutros cuxa temática é semellante á de Las gratitudes: Arte ou Felices los infelices, de Yasmina Reza.



Vémonos o 19 de xuño para rematar por este curso as actividades do club e falar de Non temerás os coches amarelos, a primeira novela da malpicana Marta Villar.

venres, 31 de marzo de 2023

VÉMONOS Á VOLTA DAS VACACIÓNS

 Lembrade que o luns 17 temos a nosa vindeira xuntanza.

Que teñades unhas boas vacacións e felices lecturas!




luns, 13 de marzo de 2023

QUINTA XUNTANZA

 

A novela que nos reúne hoxe, O home que matou a Antía Morgade, é o último libro que conforma a triloxía negra de Arantza Portables.

En xeral, concluímos que foi o que menos nos gustou dos tres porque, aínda que é bastante adictivo, é pouco sorprendente e vai perdendo forza.

A novela é autoconclusiva e pode lerse dexeito independente, pero opinamos que é mellor seguir unha orde para entender mellor os sucesos e coñecer máis en profundidade aos personaxes. Por iso aconsellamos ler primeiro Beleza Vermella, logo A vida secreta de Úrsula Bás e, para rematar, este.

O estilo característico de Arantza Portables é evidente nesta novela, pero quedamos coa Portables máis intimista. Ela mesma dixo nunha entrevista: “teño que volver escribir como o fixen en Deixe a súa mensaxe despois do sinal”.

 


A seguinte lectura será Las gratitudes, da francesa Delphine de Vigan. Falaremos dela o 17 de abril.

venres, 10 de marzo de 2023

luns, 13 de febreiro de 2023

CUARTA XUNTANZA

 

Deixe a súa mensaxe despois do sinal é unha novela que moitos coñeciamos, pero que non todos leramos. Por iso decidimos que fose a nosa terceira proposta.

Nesta novela atopamos capítulos que van ir intercalando a vida de catro mulleres: Marina, Carmela, Sara e Viviana, para tecer a súa historia. Aparentemente non se coñecen de nada, pero acaban compartindo moito máis do que podemos imaxinar e invítannos a reflexionar arredor de que dor pode ser peor á vez que se van entretecendo fíos que dan paso a un porvir de esperanza.

É unha obra que aborda moi diferentes temáticas, e iso deu lugar a un debate sobre as tecnoloxías e novas formas de comunicarse, a saúde mental ou sobre a trata de mulleres.

Relacionado con isto, propuxemos e comentamos outras obras como A dúbida (M. Reimondez).




Quedamos con ganas de ler máis de Arantza Portables, por iso para a próxima xuntanza imos ler o último libro desta autora: O home que matou a Antía Morgade.


LEMBRADE QUE O LUNS 19 TEMOS XUNTANZA E VISITA

Non esquezades que o próximo luns temos a nosa última xuntanza deste curso, para comentar a novela Non temerás os coches amarelos, de Marta ...